Sunday 19 de May de 2024

Feijóo valora o interese de Showa Denko de crear unha nova planta na Coruña e acredita a capacidade competitiva da comunidade


 Asevera que esta decisión, que prevé un investimento inicial de 100 millóns de euros e a posibilidade de superar os 400 M€ no futuro, suporía unha gran noticia para a cidade e para a industria galega

 “Sería unha gran noticia que nos posicionaría no sector da automoción das próximas décadas, porque desde A Coruña non só se produciría grafito para as fábricas de baterías dun país, senón para calquera fábrica de baterías do mundo”, precisa

 Reitera a plena disposición da Administración autonómica para facer realidade este investimento

 Incide na necesidade de que o Goberno central adopte medidas eficaces co fin de garantir un prezo da enerxía competitivo para apoiar ás empresas electrointensivas e os proxectos de futuro desta industria

 A Xunta xa está traballando coa compañía para que poida dispoñer dunha PPA vinculada á eólica e, deste xeito, contar cun prezo eléctrico estable que repercuta na competitividade da nova planta

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, valorou hoxe o interese de Showa Denko de crear unha nova planta na Coruña, adicional á xa existente destinada a fabricar grafito artificial para procesos produtivos. “Un proxecto -considerou- que pon de manifesto a capacidade competitiva da Comunidade”.

Tras unha reunión esta mañá con directivos da empresa, Feijóo aseverou que esta decisión, que prevé un investimento inicial de 100 millóns de euros e a posibilidade de superar os 400 M€ no futuro, suporía unha gran noticia para a cidade e para a industria galega. “Estamos a falar dunha fábrica na que traballan 160 empregados e cunha facturación anual duns 460 millóns de euros. Aquí hai, polo tanto, unhas bases sobre as que seguir crecendo e desenvolvendo novas posibilidades industriais”, explicou, resaltando a aposta da compañía por conquistar novas cotas e sectores, cunha nova fábrica de grafito para baterías de automóbiles eléctricos.

“Sería unha gran noticia que nos posicionaría no sector da automoción das próximas décadas, porque desde A Coruña non só se produciría grafito para as fábricas de baterías dun país, senón para calquera fábrica de baterías do mundo”, abundou, reiterando a plena disposición da Administración autonómica para facer realidade este investimento.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta resaltou que plans como os de Showa Denko contrastan coa necesidade de que o Goberno central adopte medidas eficaces co fin de garantir un prezo da enerxía competitivo para apoiar ás empresas eletrointensivas e os proxectos de futuro desta industria. “A continuidade e o futuro do sector electrointensivo só virá da man dunha tarifa eléctrica competitiva”, incidiu, ao tempo que explicou que, mentres o Goberno non reacciona, a Administración galega xa traballa con Showa Denko para que poida dispoñer dunha PPA vinculada á eólica e, deste xeito, contar cun prezo eléctrico estable que repercuta na competitividade da nova planta.